Arquivo Banda O Campo Os Caneiros Feiras-Mercados Festas O Globo Política
Ribeiras Rúas Vistas O Pasatempo        


FOTOGALERIA

Avatares dos arquivos de Betanzos

 

Legaxos que, con outros documentos, gardan memoria do rescate in extremis que algún ou algúns bos betanceiros fixeron dos papeis tirados por rúas e arquivos (o municipal, os dos escribanos, etc.), utilizados como cortes para os cabalos (os papeis facían as veces de palla) nas sucesivas oleadas do exército francés de Napoleón desde que entraron na cidade o medio día do mércores 11 de xaneiro de 1809 (Erias, 2007).

Nas antigas e arruinadas Escolas de San Francisco, co teito e o piso caéndose, con goteiras asasinas da memoria por onde lle cadraba, estaba a parte máis antiga do Arquivo Municipal: papeis sen orde nin concerto desde os séculos XV e XVI para diante. A principios de 1981 (as fotos de Masaca son de marzo), no contexto ilusionante da nacente Constitución de 1978, Alfredo Erias Martínez (que aparece nas fotos), contratado polo Concello, iniciou o salvamento e ulterior organización do Arquivo Municipal de Betanzos. Nesa labor atoparía anos máis tarde un compañeiro imprescindible, José María Veiga Ferreira. Con el continuou o traballo, ampliando os obxectivos a outros arquivos e fondos documentais da cidade, tanto de entidades como persoais. Salváronse e organizáronse o Arquivo Notarial (hoxe no Arquivo do Colexio Notarial da Coruña); o Arquivo do Hospital de San Antonio; o da Xunta de Subsidios, Defensa e Armamento; unha parte do arquivo do Liceo; boa parte do que quedaba do "Patronato Benéfico Docente García Hermanos"; o da "Sociedad de Socorros Mutuos de Ganado Vacuno"; o que quedaba do "Consejo Local del Movimiento"; o do Brigantium FC; o da "Cooperativa de productores de lúpulo", o da Rondalla Carlos Seijo, etc. En canto ós fondos documentais persoais, cabe destacar o de don Francisco Vales Villamarín (a quen se debe, entre outras moitas cousas, a conservación da vella Hemeroteca de Betanzos) e o de don Javier Alvajar López, entre moitos outros. O traballo que queda sigue a ser enorme, pero hoxe (en maio de 2016 cando isto se escribe)  o desastre vese xa moi lonxe e soamente queda perseverar na organización, na conservación, na procura de espazo suficiente e axeitado e na filosofía de servir da maneira máis libre posible estes fondos documentais á xente. Esta é a filosofía desde o principio do proceso e Internet resulta ser o aliado máis axeitado para que Betanzos, a través do Arquivo e demais institucións culturais (incluindo o Anuario Brigantino) siga a estar moi presente no mundo, levando sempre, como antiga capitalidade provincial que foi, Galicia por bandeira.

 

Recollidos os papeis das antigas e arruinadas Escolas de San Francisco e do tamén arruinado Hospital de San Antonio de Padua (onde, por obras no edificio titular, estivera o concello nos anos 70 do s. XX, esquecendo logo alí gran cantidade de documentos), o único edificio municipal con placa de formigón era o do Cárcere do partido xudicial. E alí se foi centralizando todo para logo iniciar o illamento das series documentais. Levaría anos, pero o arquivo empezou a funcionar case inmediatamente de cara a administración municipal e ós investigadores (o Programa de Festas de 1984 e o Anuario Brigantino 1986 xa dan fe diso). Na foto, Alfredo Erias aparece no Cárcere, arrodeado polos papeis alí transportados, o 21 de xuño de 1983. O proceso estaba en marcha.

Edificio do exconvento de Santo Domingo, rehabilitado para Arquivo, Biblioteca e Museo das Mariñas, ademais dalgunhas outras dependencias municipais (Teatro Alfonsetti...).

Esta é a imaxe que vemos hoxe do depósito do Arquivo Municipal. Queda moito por facer, novos retos que enfrontar (espazo, conservación, restauración, afondamento na organización, etc.), pero as cousas cambiaron e onde había moreas de papel sen orde nin concerto, hoxe hai un arquivo: o arquivo dunha das cidades máis antigas e emblemáticas de Galicia desde onde ademais se colaborou á organización de 52 arquivos municipais das provincias da Coruña, Lugo e Ourense. E a filosofía de todo este inxente traballo foi e é sempre a mesma: facilitar e abrir o máximo posible os documentos a todo o mundo.